ADOS E SUPERMERCADOS GADIS CONVOCAN O II CONCURSO DE CARTEIS PARA ESCOLARES RELACIONADO COA DOAZÓN E OS TRANSPLANTES

A empresa galega colabora, un ano máis, no desenvolvemento deste certame que achega este xesto solidario ao alumnado de 5º e 6º cursos de primaria e primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria

Santiago, martes 4 de febreiro de 2020.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e Supermercados GADIS convocan o II Concurso de Carteis para escolares relacionado coa doazón e os transplantes e no que poden tomar parte os estudantes de 5º e 6º cursos de educación primaria e primeiro ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria de todos os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.
As bases da convocatoria deste certame, promovido desde a Consellería de Sanidade e coa colaboracion da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e co patrocinio de Supermercados GADIS, que ten como obxectivo promover a sensibilización social dos máis novos e novas en torno ao solidario xesto da doazón e a importancia dos transplantes, poden descargarse na páxina web de ADOS

Participantes

Nesta segunda edición do Concurso de Carteis para escolares promovido por ADOS co apoio de Supermercados GADIS, os participantes deben abordar a temática da doazón e os transplantes de órganos e tecidos nos seus traballos. O formato debe ser horizontal ou vertical coas medidas de Din A-3, podendo participar traballos presentados en calquera técnica plástica e dixital. Ademais, todos os traballos deberán incluír unha frase ou lema en galego normativo relacionado co fomento da doazón de órganos e cada participante poderá presentar só un traballo. 

O prazo de presentación das obras, que deben remitirse á Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS nos edificios administrativos da Consellería de Sanidade en San Lazaro, conclúe o vindeiro 30 de abril.

ADOS quere amosar o seu recoñecemento a Supermercados GADIS polo seu apoio a esta iniciativa que tenta fomentar unha conciencia social proclive á doazón e os transplantes de órganos entre os máis novos e novas. Ademais, tanto a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue coma Supermercados GADIS queren animar a todos os escolares a que tomen parte nesta iniciativa, xa que promove unha actitude solidaria e permítelles achegarse a unha parte fundamental do noso sistema sanitario. 

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.