A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E A ASOCIACIÓN DEPORTIVA CERNE DE MELIDE PROMOVEN UNHA CAMPAÑA CONXUNTA A PROL DA DOAZÓN

Unha unidade móbil de ADOS visitará o concello de Melide o vindeiro venres 23 de abril das 10:00 ás 14:00 e das 16:30 ás 21:00 horas A AD Cerne convida a todos os seus asociados, familiares e amigos a doar sangue no transcurso desta xornada solidaria

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Asociación Deportiva Cerne de Melide promoverán, este venres 23 de abril unha xornada solidaria, a prol da doazón de sangue. Con motivo da colaboración, ADOS desprazará unha unidade móbil ata o concello de Melide que estará, como xa é tradicional, no Cantón de San Roque en horario das 10:00 ás 14:00 horas e das 16:30 ás 21:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen participar. 

Pola súa banda, a AD Cerne está a distribuír, nas xornadas previas ao desprazamento da unidade móbil, información relacionado co solidario xesto da doazón entre os seus asociados das categorías de Running, Montaña e Ciclismo. O envío de información estase facendo, principalmente, en liña para evitar, na medida do posible, o consumo de papel e favorecendo, ademais, unha conciencia social proclive a hábitos de vida saudable e solidarios, á práctica deportiva e a necesidade de conservación do noso medio ambiente.

Salientar que o presidente da AD Cerne, Angel García Rei, achegarase tamén a participar nesta campaña de doazón e anima a todos os integrantes da asociación a sumarse a esta iniciativa. ADOS lembra que, para maior comodidade, todas as persoas que desexen doar poden solicitar cita previa no teléfono gratuíto 900 100828.

Concello solidario

ADOS quere salientar o carácter solidario e xeneroso de toda a veciñanza de Melide que, desde hai anos, encabeza os listados dos municipios máis xenerosos de Galicia. Deste xeito, lembrar que no pasado ano 2020, acadou 400 doazóns de sangue, o que supuxo unha taxa de 54 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que supera en 15 puntos a media de doazón galega. Esta cifra supón un claro indicativo da solidariedade de todos os veciños e veciñas de Melide.

ADOS quere animar a todos os veciños e veciñas a doar sangue e a participar activamente nesta iniciativa que une solidariedade cos positivos valores do deporte, así como amosa o seu sincero agradecemento a todos os integrantes da Asociación Deportiva Cerne de Melide pola súa implicación coas campañas de doazón e o seu apoio coa realización desta iniciativa, ao tempo que convidou a todos os colectivos e asociacións da sociedade galega a promover iniciativas similares que permitan crear unha conciencia solidaria proclive aos distintos xeitos de doazón.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.