Doazón de medula ósea

A doazón de medula ósea é o nome xenérico que se lle da ao transplante de proxenitores hematopoéticos ou células nai do sangue.
 
                                            Margarita_doa_medula_osea_367x390px.png

Que é a medula ósea?
A medula ósea é un tecido esponxoso que se atopa no interior dos ósos planos (pelve, esterno...) e no que se fabrican as células nai, tamén chamadas proxenitores hematopoéticos, capaces de producir todas as células do sangue. Estas células nai tamén poden atoparse noutras fontes como no sangue circulante e no sangue de cordón umbilical.
 
Que é o transplante de medula ósea?
O transplante de proxenitores hematopoéticos, máis coñecido como transplante de medula ósea, é un tratamento para curar determinadas enfermidades do sangue como a leucemia, ao substituir as células defectuosas por outras normais procedentes dun doante san.
Aproximadamente, o 70% dos pacientes que necesitan un transplante non teñen un doante familiar compatible, e nestes casos iníciase a busca dun doante voluntario non emparentado cun alto grao de compatibilidade para que o transplante teña éxito.
En España a busca do doante faise a través do Redmo (Rexistro español de doantes de medula ósea).
 
Quen pode ser doante de medula ósea?
Calquera persoa con idade comprendida entre 18 e 40 anos que non teña ningunha enfermidade grave ou transmisible.
 
Características da doazón
A doazón de medula ósea ten carácter anónimo, altruísta, voluntario e universal, é dicir, dóase para a persoa que o necesita en calquera parte do mundo.
 
Como se realiza a doazón?
Hai dúas maneiras para a doazón das células nai necesarias para un transplante:
- Habitualmente a doazón das células nai necesarias para un transplante realízase a partir do sangue periférico: aínda que en condicións normais os proxenitores hematopoéticos atópanse na medula ósea, poden mobilizarse ao sangue circulante; para iso, ao doante adminístranselle uns fármacos inyectables durante 4 ou 5 días de maneira ambulatoria. A doazón de células nai de sangue periférico non precisa hospitalización e realízase en 1 ou 2 sesións mediante unha técnica chamada aférese.
- En determinandas ocasións requírese a doazón de células nai de medula ósea. Este tipo de doazón consiste na extracción de proxenitores hematopoéticos mediante puncións nos ósos das cadeira; realízase en quirófano, baixo anestesia e require ingreso hospitalario.
 
Como podo facerme doante?
En Galicia, o centro de referencia de doantes de medula ósea é a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. As persoas interesadas poden chamar ao número de atención ao doante 900 100 828 de ADOS onde recibirán a explicación e documentación detallada.
 
Para saber máis:
 

Comparte vida, únete a nós.