Preguntas frecuentes acerca da tarxeta de doador

¿QUEN PODE SER DOADOR DE ÓRGANOS E TECIDOS DESPOIS DE FALECER?

Poden ser doadores de órganos e tecidos ó seu falecemento tódalas persoas que o desexen. Calquera persoa maior de 18 anos pode facerse doador reenchendo a tarxeta de doador e comunicándolle o seu desexo os seus familiares. Os menores de 18 anos deben ter o consentimento dos seus pais ou titores.

​​​​​​​​​​​​​​
¿POR QUÉ DEBERÍA FACERME DOADOR?

Os avances en medicina permitiron que agora o transplante sexa un tratamento con éxito. Ata non hai moito eran considerados como algo experimental, pero hoxe é unha boa opción médica

O maior problema neste momento é obte-lo suficiente número de órganos para transplantarlles ós enfermos que os necesitan.

Uns 5.000 españois esperan un órgano para ser transplantados. Aproximadamente cada ano en España 3.000 enfermos incorpóranse ás listas de espera. O número de doadores estacionouse nos últimos anos. Malia ser España o país con maior índice de doazóns do mundo, estas non son suficientes e aínda hai enfermos que morren mentres esperan un órgano.

Tódalas axudas son necesarias para resolve-la escaseza de órganos.

A mellor maneira, para asegurar que exista maior número de órganos utilizables, é facerse doador e animar a outros a facérense.

¿QUÉ É A TARXETA DE DOADOR?

É un documento que se solicita e formaliza en vida. Nel declárase a vontade de que se proceda á doazón de órganos e tecidos trala morte. Este documento non é imprescindible en España para ser doador, a pesar de que algunhas persoas considérano útil e desexan levalo como un compromiso adicional a súa decidida vontade de doazón. Non obstante, o máis importante é que a súa familia coñeza o seu desexo de ser doador xa que sempre os médicos lles consultan e poderán refrendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás.

¿ONDE SE CONSEGUE UNHA TARXETA DE DOADOR?

Pódese conseguir en diferentes sitios. Sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo. Pode anularse sempre que o titular o desexe. Expídese nas institucións públicas (Consellerías de Saúde, Coordinacións Hospitalarias de Transplante, Centros de Saúde, etc.) ou privadas (Asociacións de Enfermos Renais, de Transplantados de Fígado, Corazón ou Pulmón).

¿CÓMO PODO FACERME DOADOR?

Cubra cos seus datos un folleto de doazón de órganos e tecidos e envíeo por correo sen necesidade de selo. Tamén se pode facer por teléfono ou a través da páxina web do Sergas. Se ten algunha dúbida ou desexa máis información, non dubide en chamar ó teléfono 981542863 (Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, Santiago de Compostela).

Comparte vida, únete a nós.