QUE PODO DOAR?

O sangue non se emprega tal e como se lle extrae ao doante. Cada bolsa de sangue fácil sométese a un proceso de separación no que se obteñen tres compoñentes sanguíneos (glóbulos vermellos, plasma e plaquetas). Normalmente cada enfermo require só un deles.?

Unha doazón de sangue pode beneficiar a máis dun enfermo xa que os tres compoñentes sanguíneos adoitan utilizarse por separado. Nunha intervención cirúrxica poden precisarse unha ou dúas bolsas de glóbulos vermellos, pero nalgúns accidentes de tráfico e nos transplantes de fígado chégase a utilizar o sangue que doan 20 ou 30  persoas e ás veces máis. 

GLÓBULOS VERMELLOS

Os glóbulos vermellos transportan o osíxeno desde os pulmóns a todos os tecidos do organismo. Conservaranse a 4 graos e caducan aos 42 días. Utilízanse en tratamentos de cancros do sangue e en operacións ou accidentes nos que o paciente perde moito sangue.

PLASMA
Parte líquida do sangue que contén proteínas para o tratamento de grandes queimados, enfermidades crónicas, infecciosas, etc. Consérvase a -40ºC e dura ata dous anos.
 
PLAQUETAS

As plaquetas, en cambio, interveñen na coagulación do sangue impedindo as hemorraxias causadas por pequenas lesións que habitualmente se producen nas arterias, veas e capilares. Consérvanse a 22ºC en axitación constante. Tan só duran 7 días.



Comparte vida, únete a nós.