A Axencia

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos ten como fins xerais e obxectivos básicos actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas coa doazón e o abastecemento de sangue e os seus derivados, a coordinación de transplantes de órganos e tecidos, e o procesamento e a almacenaxe de células, tecidos e mostras biolóxicas humanas con fins diagnósticos, terapéuticos e de investigación.

A nosa misión

A misión de ADOS é a de actuar como un instrumento de xestión eficiente para asegurar a doazón voluntaria de sangue, o procesamento, fraccionamento, almacenamento e o abastecemento de compoñentes sanguíneos e hemoderivados, a coordinación de transplantes de órganos e a obtención, procesamento, almacenaxe, distribución e implante de células e tecidos, aplicando os criterios de calidade vixentes no mercado e na lexislación de aplicación, e seguridade marcados tanto pola lexislación vixente como polas guías científicas, e asegurando que se cumpren todos os aspectos éticos inherentes á doazón e ao uso de substancias de orixe humana procedentes dela.

Competencias

ADOS é o referente de xestión e coordinación no ámbito da doazón voluntaria de sangue, órganos e tecidos. As súas competencias son:
  1. Garantir o abastecemento de sangue e dos seus derivados aos provedores de servizos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os estándares de calidade vixentes e na lexislación de aplicación.
  2. Coordinar a doazón, os transplantes de órganos e o procesamento, almacenamento, distribución e implante de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes e na lexislación de aplicación.
  3. Organizar e garantir a dispoñibilidade de mostras de máxima calidade de células e tecidos.
  4. Coordinar as actuacións en Galicia nos ámbitos da doazón, transfusión, transplante de órganos e tecidos coas comunidades autónomas do Estado Español, co Goberno de España e cos organismos internacionais.

Queremos ser una organización: 
  • Innovadora, que avanza cara á consolidación dun modelo sostible de excelencia e que é referente nos ámbitos da doazón de sangue, órganos, tecidos, diagnóstico biolóxico e terapias avanzadas.
  • Con espírito de servizo, aberta e próxima á sociedade, que xera confianza.
  • Baseada no coñecemento, cunha cultura estimulante e un equipo humano unido e comprometido.
 

Comparte vida, únete a nós.