Preguntas frecuentes sobre a doazón de sangue

Que documento debo levar para poder doar sangue?

O carné de doante non é necesario. A primeira vez que does sangue tes que identificarche co DNI, pasaporte ou permiso de conducir. Se xa estás rexistrado na Axencia de doazón de sangue (ADOS), é suficiente co carné de doante.

Por que as analíticas das doazóns non teñen en conta outros aspectos de interese para o doante?

ADOS ten como prioridade asegurar que as transfusións de sangue son seguras para os enfermos, por iso centramos os nosos esforzos en garantir a seguridade transfusional. Ademais, a maioría das probas analíticas débense realizar en xaxún para obter resultados fiables. En cambio, para doar sangue é recomendable comer antes.

Por que non podo doar sangue se visitei determinados países?

Hai zonas no mundo con risco de malaria ou outras enfermidades que se poden transmitir cunha transfusión. Por esta razón, despois de visitar algúns países hai que esperar un tempo antes de poder dar sangue. Hai organismos internacionais que determinan cales son estes países, que cambian constantemente. A decisión de se podes ou non doar sangue valóraa o médico que fai a entrevista previa á doazón. Se tes dúbidas ou queres estar seguro que a túa viaxe non che impedirá doar, podes consultalo no 900 100 828.

Podo doar sangue despois de ir ao dentista?

Se só fixeches unha revisión, podes doar sangue o mesmo día. No caso de que che fixeran unha limpeza dental deberás esperar 24 horas. Se che fixeron un empaste haberá que esperar 72 horas e se che extraeron unha moa non podes volver doar sangue ata pasados 7 días.

Podo doar sangue despois de vacinarme da gripe?

Si, despois de vacinarte da gripe podes doar sangue con normalidade (sendo asintomático). Se presentas algún síntoma excluiríase 48 horas despois de que cesen os síntomas.

Pódese doar sangue despois de facerse unha tatuaxe?

Despois dunha tatuaxe, deberemos esperar 4 meses para doar sangue.

Pódese doar sangue despois dunha intervención cirúrxica?

O período de exclusión dependerá do tipo de intervención. Despois de intervencións cirúrxicas menores: non se poderá doar sangue en 7 días ou ata que non esteas do todo recuperado.
Despois de intervencións cirúrxicas maiores (con anestesia xeral ou epidural): as persoas sometidas a cirurxía maior non poderán doar sangue durante 4 meses. Exemplos de cirurxía maior: pneumectomía, intervención cardíaca ou cirurxía torácica, gastrectomía, craneotomía, factura grave (fémur, pelvis, etc.), prótese articular (cadeira, xeonllo, etc.).

Podo doar sangue se tiven Covid-19?

Se tiveches Covid deberás esperar 7 días para poder doar desde a resolución completa dos síntomas ou proba negativa; 14 días se a sintomatoloxía foi severa. Se estiveches en contacto estreito con alguén que tivese a Covid pero tes a pauta completa de vacinación e non tes síntomas, podes doar sangue con normalidade.

Podo doar sangue se me vacinaron contra a Covid?

A vacinación contra a Covid non impide doar sangue ou plasma, pero  debes esperar 48 horas se non houbo reaccións adversas (Pzifer, Moderna, Astrazeneca e Janssen). Se tes algún efecto secundario con febre ou malestar xeral, terás que esperar 2 semanas.

Comparte vida, únete a nós.