ADOS E O COLEXIO MONTESOL DE VIGO DESENVOLVEN UNHA CAMPAÑA CONXUNTA PARA PROMOVER A DOAZÓN DE SANGUE NA COMUNIDADE EDUCATIVA

Este centro escolar vigués ten unha longa traxectoria de colaboración e compromiso, especialmente, coa concienciación a prol da doazón e transplante de órganos

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2021.

O Colexio Montesol de Vigo e a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) están a desenvolver unha campaña especial de doazón de sangue que terá lugar mañá martes 25 de maio. Os propios escolares e os membros da comunidade educativa están a favorecer e promover a distribución de información vencellada co solidario xesto da doazón de sangue, nas xornadas previas á visita da unidade móbil de ADOS na presente semana.

O alumnado do Colexio Montesol elaborou os seus propios materiais informativos e publicitarios, como chapas deseñadas por eles mesmos, para tentar incentivar a participación nesta campaña de doazón, que achega este xesto xeneroso a todas as familias dos escolares que poderán doar sangue o martes 25 de maio na unidade móbil de ADOS que estará no patio deste centro, en horario das 15:30 ás 21:00 horas.

Compromiso solidario

O Colexio Montesol, desde hai anos, colabora activamente coa Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS, no desenvolvemento de distintas actividades relacionadas coa doazón e transplante de órganos, co obxectivo de sensibilizar aos estudantes da importancia que ten este xesto no noso sistema público de saúde.
No presente curso académico, unha das alumnas do Colexio Montesol, elaborou un cartel de agradecemento a todos os doantes baixo o lema “Da túa doazón florecerá unha nova vida”, co que tenta dar visibilidade á transcendencia que supón, para moitos doentes, recibir a doazón dun órgano, ofrecéndolles unha nova oportunidade de vida.
Neste sentido, ADOS lembra que no pasado ano, e a pesares das circunstancias que marcaron o 2020 pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia pola COVID-19, os hospitais galegos realizaron 328 transplantes de órganos, grazas a 110 doantes de órganos.

Educar e informar

ADOS considera de vital importancia que iniciativas como as promovidas desde o Colexio Montesol, se espallen por todos os centros educativos das catro provincias galegas xa que contribúen á creación dunha conciencia solidaria favorable aos distintos xeitos de doazón e que permiten, nos distintos ciclos educativos, abordar a doazón en función das distintas idades dos escolares.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer sinceramente ao Colexio Montesol a súa constante implicación e colaboración no labor de información e concienciación, ao tempo que convidan a todos os membros da comunidade educativa a que tomen parte activamente na campaña de doazón de sangue que se desenvolverá nas instalacións deste centro escolar la presente semana.

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE​

Comparte vida, únete a nós.