Nesta derradeira #AcciónG do ano, os medios públicos colaboran coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS)
A Corporación Radio e Televisión de Galicia colabora con ADOS para promover a doazón de sangue no Nadal
Santiago,
16.12.2021.- A
CRTVG lanza, en colaboración coa Axencia de
Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), unha nova #AcciónG de
Responsabilidade Social Corporativa.
O Nadal é unha das épocas críticas do ano para os
servizos de transfusión e, no marco da súa RSC, a CRTVG quere contribuír a sensibilizar sobre a
necesidade de que os hospitais galegos teñen para cubrir esta demanda.
#Todosnecesitamosdetodos incide na idea de que o elemento común e imprescindible
para a vida é o sangue e todos dependemos da xenerosidade de todos para seguir
salvando vidas. O spot fala dos motivos para facelo: “Faino polos teus, faino
polos demais, faino tamén por ti... pero faino. Sube ao bus”. As persoas que
aparecen no anuncio son doadores habituais de sangue e voluntarios de
ADOS.
Durante todo o Nadal, como durante todo o ano, o
autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia percorrerá as vilas
das catro provincias e esta #AcciónG quere reforzar a mensaxe de petición da
colaboración cidadá, animando a dar o paso de entrar nos autobuses e doar
sangue. A campaña #TodosNecesitamosDeTodos será emitida desde este xoves
en todos os medios da Corporación, televisión, radio e canles dixitais.