O CENTRO DE VIGO DO GRUPO PSA ACUMULA 64.978 DOAZÓNS E CONSOLIDASE COMO A EMPRESA ESPAÑOLA DE MAIOR PARTICIPACIÓN

A factoría viguesa acolleu a pasada semana a primeira visita anual das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

Santiago, mércores 29 de xaneiro de 2020.

A primeira campaña de doazón de sangue que este ano desenvolveu a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nas instalacións do Centro de Vigo do Grupo PSA, e que tivo lugar os días 22, 23 e 24 de xaneiro concluíu cun excelente resultado de 760 traballadores e traballadoras que doaron sangue e que supón ter acadado unha cifra récord de participación con 64.978 doazóns desde o ano 1995. 

Esta primeira visita supuxo un incremento do 19% con respecto ao último desprazamento das unidades móbiles de ADOS ata as instalacións do Centro de Vigo do Grupo PSA que tivo lugar a finais do pasado mes de outubro. Neste sentido, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere por en valor a contribución dun dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón tanto de sangue como de órganos.

Traxectoria solidaria

Hai 25 anos, o Centro de Vigo do Grupo PSA comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.

Salientar que grazas a colaboración dos 760 profesionais do Centro de Vigo do Grupo PSA que doaron sangue nesta primeira campaña promovida por ADOS, poderán realizarse, por exemplo, máis de 355 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 160 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

A dirección de ADOS quere por en valor a implicación e compromiso do Centro de Vigo do Grupo PSA co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue que teñen permitido que, ao longo destes últimos 25 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra próxima ás 65.000 doazóns que a sitúan como referente social de primeira orde no ámbito do altruísmo. 

Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo PSA de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue 

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.