ADOS CONVIDA AO ALUMNADO UNIVERSITARIO A PARTICIPAR NO V CONCURSO DE CURTAMETRAXES SOBRE DOAZÓN E TRANSPLANTE DE MEDULA ÓSEA

Nesta quinta edición do certame poden concorrer estudantes de calquera centro docente dos sete campus galegos

Santiago, mércores 26 de febreiro de 2020.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) quere convidar a todos os alumnos e alumnas de ensino universitario de Galicia a tomar parte no V Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea.

As bases da convocatoria deste certame, que ten como obxectivo promover a sensibilización social de maneira responsable sobre a doazón de medula ósea como un acto voluntario e altruísta, poden descargarse na páxina web de ADOS:


Participantes

Na quinta edición do concurso de curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, poden participar estudantes de calquera dos centros docentes dos sete campus galegos que presenten os seus traballos ata o 5 de xuño do 2020.

Poderán tomar parte os estudantes de xeito individual ou en grupo, cun máximo de cinco autores por cada un dos traballos presentados e cunha duración máxima de tres minutos.

Así mesmo, as curtametraxes, que deberán ser orixinais e inéditas, poden ser mudas ou sonoras, en galego normativo e a técnica é libre, podendo gravarse en calquera dispositivo, mesmo teléfonos móbiles.

Todos os traballos galardoados na pasadas edicións deste certame de curtametraxes, poden visionarse na canle de YouTube da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

ADOS quere animar a que tomen parte nesta iniciativa todos os estudantes galegos, xa que promove unha actitude solidaria e favorable ao xeneroso xesto da doazón entre os nosos mozos, permitíndolles coñecer, de primeira man, unha parte fundamental do noso sistema sociosanitario. 

SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE

Comparte vida, únete a nós.