ADOS PARTICIPOU NA XORNADA DE PORTAS ABERTAS DO “DÍA DAS FAMILIAS” DA FACTORÍA STELLANTIS VIGO

 
 
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI), participaron na xornada de portas abertas do ”Día das Familias” que se celebrou, o domingo día 3, nas instalacións de Stellantis Vigo, e na que asistiron unhas 6.500 persoas, entre empregados da planta e os seus familiares.

A empresa Stellantis Vigo organizou, un ano máis, esta iniciativa que contou coa participación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, que dispuxo dunha carpa informativa, compartida coa Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, para divulgar e informar sobre a importancia que teñen as doazóns de sangue, órganos, tecidos e medula ósea para poder salvar vidas.

ADOS tamén desprazou ata o recinto unha unidade móbil de doazón de sangue, rotulada coas personaxes dos Bolechas, para que a xente nova e os seus pais puideran visitar e ver como é por dentro un destes autobuses que percorren a xeografía galega para facilitar o xeneroso xesto da doazón de sangue.

ADOS quere agradecer a invitación para participar na “Xornada das Familias” á Dirección de Stellantis Vigo e salientar, tamén, o compromiso desta empresa co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue dende o ano 1995. Esta longa traxectoria de colaboración ten permitido que, nestes 29 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra que supera as 75.000 doazóns, o que a sitúan como referente social de primeira orde no campo do altruísmo en España.

Comparte vida, únete a nós.