ADOS desenvolve esta iniciativa destinada a persoal de enfermaría para posibilitar unha axeitada formación na área de doazón e transplante de órganos
A Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de
Doazón de Órganos e Sangue promoverá mañá, mércores 19 de maio, un Taller de
Comunicación de Malas Noticias, destinada a profesionais de enfermaría.
Nesta formación, que será impartida por Marta Álvarez Vázquez; da Coordinación
Autonómica de Transplantes de ADOS, na sede ourensá de SATSE, participarán unha
vintena de profesionais do eido da enfermaría e desenvolverase un intenso programa
formativo que abordará como comunicar as malas noticias e saber recoñecer o inicio do dó e
que actitude a tomar ante as distintas reacción deste proceso. Así mesmo, a relación de
axuda e as habilidades básicas neste proceso de comunicación terán un desenvolvemento
destacado.
Unha vintena de profesionais da enfermería participarán nestas sesións de traballo nas que
se abordarán distintos aspectos, tales como afrontar a perda e separación e os
comportamentos e sentimentos asociados tras o falecemento dun ser querido, así como a
actitude dos profesionais nestes momentos especialmente sensibles.
O obxectivo do curso pasa por humanizar a relación dos profesionais do eido sanitario co
doente e a súa familia, así como proporcionarlle as habilidades básicas que faciliten a
interacción co doente e os seus familiares.
Esforzo formativo
O área da coordinación autonómica de transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e
Sangue está a facer un especial esforzo, desde hai anos, por potenciar e mellorar a
formación dos profesionais sanitarios do sistema público de saúde de Galicia e que
abrangue a todos ós ámbitos de traballo do programa de doazón e o transplante de órganos.
Os excelentes datos de doazón e transplantes de órganos acadados nos últimos anos son
froito do traballo de sensibilización e información desenvolvido en distintos eidos, tanto a
nivel da sociedade en xeral, como nas ferramentas e capacitación dos profesionais
sanitarios que participan nalgunha das fases desta área de traballo fundamental do noso
sistema público de saúde.